Centro fundado no ano 1943 por un grupo de galegos solidarios e motivados por un feito moi significativo: no ano 1942 unha anciá galega, natural de Ourense, falece nunha rúa de Bos Aires a causa do frío que naquel momento estaba padecendo o país; isto impulsou e animou aos seus fundadores a crear unha casa de recollemento e amparo dos máis necesitados.
Os seus inicios foron difíciles, pois nun principio os únicos recursos de que dispoñen son os “que podían aportar as persoas de bo corazón”. Os directivos daquel entón sufragaron os primeiros gastos para a posta en funcionamento do Hogar, e contaron coa colaboración doutras entidades galegas asentadas nesa capital, como foron as asociacións “Betanzos” e “Santiago”. Entre eses primeiros fundadores impulsores deste magno proxecto estaban D. Miguel Portela, D. Horacio Bermúdez, D. Luis Seoane e D. Gumersindo Sánchez Guisande. Vista a importancia e o labor deste centro, moi pronto se sumaron ao proxecto importantes médicos, comerciantes, poetas e artistas da época.
O centro ten en propiedade a sede social na cidade de Bos Aires, así como a propia residencia para anciáns ubicada en Domselaar; esta ten unha superficie de 4.500 m2, levantada sobre unha extensión total de 35 hectáreas, onde dispoñen de espacios arbolados, horta cultivada, xardín, etc., ademais dun “cruceiro” de pedra granítica construído e doado especialmente para o Hogar de Ancianos por un grupo de “canteiros” de Marín (Pontevedra).
Desde a súa fundación, no Hogar Gallego para Ancianos non pararon de facerse obras de remodelación, algunhas delas gracias a axudas da Xunta de Galicia, do Goberno español, das Deputacións, etc., para mellorar as condicións de vida na institución.
A este centro foille recoñecida a galeguidade no ano 1987 e a día de hoxe ten 2570 familias asociadas, das cales son galegas 1870.
Entre os recoñecementos e galardóns recibidos polo Hogar Gallego para Ancianos , cabe destacar a Medalla de Galicia, na súa categoría de prata, que lle foi concedida no ano 1994.
A institución é membro da “Unión de Asociaciones Gallegas de Argentina”